O proxecto
Este proxecto parte dunha filosofía integradora, interseccional e transversal que busca o traballo conxunto de diseminación de teoría e práctica feminista entre Galicia e os países do Sur utilizando as linguas propias como cerna e semente. Faino partindo da idea dunha produción intelectual que propicie o intercambio a nivel galego e internacional e que fomente o traballo en rede coordinado e colectivo.
A palabra Sementæ inclúe o concepto da semente que voa polo aire e atopa terra fértil noutro lugar, mais tamén o imperativo “sementa” como palabra de ánimo para todas aquelas que poderán utilizar este primeiro traballo feito dende Galicia para sementar nos seus terreos.
As letras A e E unidas representan, non só a (trans)inclusividade das mulleres e das identidades non binarias, senón tamén a unión do descritivo (a semente) e o potencial e sostible (o imperativo sementa).
O principal obxectivo do proxecto é contribuír a un diálogo internacional entre os feminismos que dende a diversidade lingüística chegue a transformar o propio pensamento e práctica feminista.