contacta
María
Reimóndez Meilán
imagen-perfil

O meu traballo como investigadora céntrase na tradución e interpretación dende óptica feminista decolonial e interseccional. Interésame a hexemonía lingüística, a importancia crítica da mediación lingüística e cultural e a necesidade de afondar, dende a lingua galega, en enfoques verdadeiramente transformadores dun espazo caracterizado pola invisibilidade e o fluxo dos discursos de poder a todos os aspectos da vida das persoas.


Esa ollada espállase tamén á análise da produción e circulación de produtos culturais, e en particular tendo a centrarme no campo literario, onde analizo as escritas feministas, a representación das mulleres e da diversidade sexo-xenérica, o racismo e o discurso colonial na cultura galega.


Considero fundamental a miña universidade da vida que parte das miñas raíces ancaresas e que logo se ampliou co contacto, aprendizaxe e establecemento de redes críticas feministas con mulleres e disidentes de xénero de Támil Nadu, Haití, Etiopía e Filipinas no que vai alá máis de media vida. Fundei a ONG feminista Implicadas no Desenvolvemento como forma de colectivizar e estruturar ese procesos. Aínda que agora non estou activamente na organización sigo creando espazos como Sementae, un proxecto de tradución feminista decolonial entre linguas non hexemónicas.


E por último se cadra debo mencionar que son Licenciada en Tradución e Interpretación e Doutora en Tradución e Interpretación pola Universidade de Vigo. Aínda que a miña relación co mundo académico é de sa independencia, sígome nutrindo do traballo do Feminario de Investigación Feminismos e Resistencias do Grupo BIFEGA da Universidade de Vigo.

O meu traballo comprende a creación, o activismo e a investigación. Gaño a vida como intérprete e tradutora autónoma, o cal me axuda a manter os pés na terra do que significa sachar constantemente por uns dereitos laborais mínimos. Nese sentido, son unha das fundadoras da AGPTI, a Asociación Galega de Profesionais da Tradución e da Interpretación.
Volver a traductoras